lunedì, aprile 14, 2008

DISCESA ALL'INFERNO IN UN OSPEDALE della GUINEA BISSAU
Interessante reportage in lingua spagnola sulla situazione sanitaria negli ospedali del piccolo paese dell'Africa occidentale.

Descenso ao inferno polo Hospital do Mal

13.04.2008 O fotógrafo ferrolán ábrenos as portas do coñecido como Hospital do Mal en Guinea Bissau, onde morren a diario nenos e adultos de lepra e malaria en condicións extremas. “A súa cura custaría só dous euros, pero occidente prefire ollar cara a outro lado que asumir a súa responsabilidade”, denuncia

TEXTOS: MARGA TOJO. FOTOS: GABRIEL TIZÓN


Viaxamos a terra de negros –isto é o que significa Guinea–, onde o 99% da poboación é de cor, para coñecer o que hai dentro das súas fronteiras que impele a toda unha xeración ao éxodo cara a Europa. Guinea Bissau. Un país que penetra en Senegal e limita con Conakri. Unha terra árida bañada polo océano. A súa economía baseada na agricultura e na pesca foi moi afectada pola guerra civil que tivo lugar en 1998–1999. Ten unha débeda externa de 921 millóns de dólares norteamericanos e atópase baixo un programa de axuste estrutural do FMI, que é como dicir nada ou peor. Abrimos as portas do chamado Hospital do Mal como se abre a caixa dos tronos. Guinea Bissau, o penúltimo estado na escala de desenvolvemento humano de Nacións Unidas padece o efecto voraz de tres doenzas: a lepra, a malaria e a sida. Todas elas aténdense neste centro de saúde cun único especialista para centos de cidadáns.

"Parece incríbel pensar que con dous euros se poden curar e que a sociedade occidental ignore totalmente o tema e mire cara a outro lado". Isto explícao o fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón que acaba de inaugurar en Tenerife unha exposición de nombre homómimo ao de hospital. Atamán, unha ONG con sede na illa canaria, desprazouse ao país para coñecer a realidade. Gabriel Tizón viaxou con eles. A lepra e a malaria son moeda corrente en Guinea Bissau.

A lepra, unha enfermidade curábel que atopa o seu caldo de cultivo na pobreza, a desnutrición e a falta de hixiene, segue presente en máis de cen países do mundo (109), sobre todo na India e en África. Só en España se diagnostican cada ano entre 15 e 25 novos casos de lepra. A maioría dos pacientes son inmigrantes (60%) ou xitanos (40%). Con todo, en España a lepra non supón risco ningún para a saúde pública.

Fóra do Estado español, a situación é moito máis preocupante, especialmente no sueste asiático e África. Os datos da Organización Mundial da Saúde non son fiábeis, porque a maioría dos países non queren que se relacione o seu país con esta enfermidade e tratan de ocultar as cifras reais.

A lepra é unha enfermidade infecciosa sumamente contaxiosa no período de incubación que se transmite polo aire e afecta ás persoas co sistema inmunolóxico débil. Cunha combinación de tres fármacos moi accesíbeis para a poboación occidental a curación está garantida. "Guinea Bissau carece dunha posibilidade remotamente parecida".